A Costa da Morte é unha zona especialmente rica en megalitismo.
Os Megalitos son monumentos funerarios datados entre os anos 4000 a 2000 a.C. A variedade de monumentos megalíticos é moi grande, pero adoitan ser estruturas bastante complexas. Para coñecer máis sobre o megalitismo en Galiza e os tipos de monumentos recomendamos a páxina sobre o megalitismo en Galiza de Julio Anta.
Na zona, hai gran cantidade de antas ou dólmenes e petroglifos. Non é doado encontrar algúns destes monumentos, ao non estar debidamente indicados, pero recomendamos a súa búsqueda, tarefa en ocasións difícil pero moi reconfortante.
O dólmen máis coñecido da zona é a Anta de Dombate.
Aquí describiremos a ruta mellor indicada e documentada da zona, a ruta das antas de Vimianzo, que percorre varios monumentos deste Concello e do veciño Zas.
A ruta parte da estrada Baio-Baíñas que se pode coller a 2 Km de Baio, na estrada C-552 Coruña-Fisterra no tramo que vai de Vimianzo a Baio.
Cómo chegar: Pola estrada Coruña-Fisterra, a 2 Km de Baio hai que tomar un desvío en dirección a Bamiro. Alí collemos outro a dereita que leva a carón da igrexa parroquial e logo até o Cumio.
Ao lado do Monte Torán atópase unha pedra moi grande de varias toneladas de peso. Unha lenda conta que unha moura (ser mitolóxico galego) levouna até alí sobre a súa cabeza, mentres fiaba nunha roca. Posteriormente se cristianizaría a lenda trocando a moura por unha virxe.
Cronoloxía: 4000 - 3000 a.C.
Localización: Parroquia de Treos (Vimianzo).
Cómo Chegar: Na estrada Baio - Baíñas, a 1 Km do núcleo de Tines collemos un desvío á esquerda en dirección ao lugar de Pedra Cuberta. A anta está a dereita, a beira da estrada.
Georg e Vera Leisner estudiaron este monumento nos anos 30 do século XX e déronlle moita sona internacional. O máis relevante son as pinturas de cor negra e vermella sobre fondo negro, que se atopan entre as máis importantes da arte Megalítica Europea.
Cronoloxía: 4000 - 3000 a.C.
Localización: Parroquia de Serramo (Vimianzo).
Cómo Chegar: Desde a localización da anta de Pedra Cuberta, seguimos pola mesma estrada 1 Km. Alí hai que tomar un desvío á esquerda, situado pouco antes de chegar a Arxomil. Seguimos até pasar a carón da igrexa de Treos e volvemos á estrada Baio-Baíñas. Continuamos en dirección a Baíñas até chegar ao lugar de Carneo. Á altura das casas, nun cambio de rasante, hai que coller unha pista pavimentada con brita que pasa á beira de varias leiras. Seguimos uns 900 metros e collemos unha pista á dereita. O dólmen está un pouco máis adiante.
Esta anta sitúase no centro dunha mámoa duns 15 metros de diámetro. Ten restos de pintura no inicio do corredor.
Cronoloxía: 4000 - 3000 a.C.
Localización: Parroquia de Serramo (Vimianzo).
Cómo chegar: Desde Pedra Moura volvemos á estrada en dirección Baíñas e atopamos este dólmen pouco antes de chegar a Serramo, a uns 50 metros á dereita da estrada, nun eucaliptal.
Este é un monumento de grandes proporcións. Pertence ao grupo dos monumentos de cámara poligonal e de corredor curto.
Cronoloxía: 4000 - 3000 a.C.
Localización: Parroquia de Muíño (Zas).
Cómo chegar: Ao acceder a Serramo hai que coller unha estrada á esquerda en dirección Comareiro. Seguimos até que se acaba a estrada asfaltada e alí hai que coller unha pista á esquerda pola que hai que seguir case 2 Km até chegar á cancela dunha explotación forestal. Dentro da explotación hai que coller a primeira pista á dereita e atopamos o dolmen a uns 700 metros.
É un dos maiores monumentos megalíticos de Galiza. Os esteos chegan a pesar 35 toneladas.
Cronoloxía: 4000 - 3000 a.C.
Localización: Parroquia de Baíñas (Vimianzo).
Cómo chegar: Desde Baíñas hai que seguir recto en dirección a Ponte Olveira. A 2 Km cóllese unha estrada á esquerda que vai até a anta.
É unha das antas máis grandes de Galiza. A tapa pode chegar a pesar 12 toneladas. Na cámara aparecen restos de gravados en forma de U ou V, con restos de pintura vermella.
Non se debe confundir esta anta con outras que se chaman da mesma maneira, como a mámoa de Cerqueda, tamén chamada anta da Pedra da Arca.
Cronoloxía: 2500 - 2000 a.C.
Localización: Parroquia de Berdoias (Vimianzo).
Cómo chegar: Desde Berdoias hai que tomar un camiño á esquerda e atopamos a anta a uns 900 metros aproximadamente.
Pola súa forma clasifícase no grupo de arcas megalíticas, antecesoras das cistas da Idade de Bronce. Nos esteos aprécianse gravados de coviñas e de cruces.