A olaría de Buño, as rendas ou encaixe de Camariñas e os sanscosmeiros son os tipos de artesanía tradicional máis coñecidos da bisbarra.
A tradición oleira de Buño parece que se mantivo ininterrompidamente durante séculos. As técnicas modernizáronse no século XVII e Buño comeza a coller a sona no país que aínda ten hoxe en día.
As rendas de Camariñas, as máis coñecidas, e doutros lugares da comarca foron durante moito tempo unha fonte de ingresos extra para as familias máis humildes da comarca. A elaboración das rendas marcaba o ritmo de vida das rapazas e mulleres durante o outono e o inverno. As mulleres reuníanse para traballar a arte do encaixe e transmitir ás máis novas o coñecemento e as técnicas ancestrais. Os lugares de xuntanza eran verdadeiros centros sociais, con moitísima actividade arredor deste labor.
O Concello de Camariñas ten na súa web información moi detallada sobre o Encaixe de Camariñas, que goza de merecida sona.
Os sancosmeiros son chapeus tradiconais trenzados con palla, de copa con forma de cono truncado, aba larga e adornados cunha fita que envolve a copa e cae en dous extremos. Hoxe en día seguen a ser utilizados polas mulleres do agro para se protexer do sol.