O galego é un idioma extenso e útil, porque -con pequenas variantes- fálase no Brasil, en Portugal e nas colonias portuguesas.
Afonso D. Rodríguez Castelao. (Sempre em Galiza, Akal Editor, cap. IV, livro 1°, pág. 41-42)
Desexo que o galego se acerque e confunda co portugués.
Afonso D. Rodríguez Castelao. (Carta a C. Sánchez Albornoz, Grial, núm. 47, 1975).
A sociedade na que vivimos ten mudado moito desde que o galego pasou de idioma proscrito ao actual estado de cooficialidade. Neste proceso de cambio das sociedades industriais ás do coñecemento, o Concello de Corcubión quere facer propostas construtivas para lle dar ao noso idioma a dignidade e difusión que precisa.
Por iso somos o primeiro concello da Galiza que ten web en Galego-Português. Cremos que o idioma común de Rosalía de Castro e de Camões é o mellor medio para nos comunicar entre nós e cos máis de 200 millóns de falantes de Galego-Português espallados polos cinco continentes.
A realidade é teimosa. Hoxe, os que pretenderon manter arredada do seu ámbito natural a nosa lingua, ven como a lóxica esmagadora da Internet está a se impor abrindo o noso idioma a un mundo de posibilidades. Nós, continuadores da mellor tradición galeguista, apostamos por reintegrar a nosa lingua no ámbito que lle é propio: a Lusofonía.